CONVENIO DE COLABORACION ENTRE A CONSELLERIA DO MEDIO RURAL E A ASOCIACION PURA RAZA CABALO GALEGO (APRCG) PARA CONTINUAR COA POSTA EN VALOR DAS APTITUDES DO CABALO DE PURA RAZA GALEGA PRG EN ACTIVIDADES DEPORTIVAS, DE EXPOSICIÓN E OCIO, COFINANCIADO CO FONDO EUROPEO AGRICOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER), NO MARCO PDR DE GALICIA 2014_2020

O cabalo  de pura raza galega (PRG), é a única raza equina autóctona de Galicia. Trátase dunha raza en perigo de extinción e así se recolle no Anexo I do Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Ata fai uns anos, os esforzos para a conservación desta raza centráronse fundamentalmente na orientación produtiva de carácter cárnico, debido a que a maior parte dos exemplares inscritos no Libro xenealóxico da raza pertencen a explotacións en réxime extensivo, con escasos custos de produción que se traducen en beneficios netos.

Sen deixar de lado esta orientación e co obxecto de afianzar a raza, no ano 2013 asinouse o Convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego para a posta en valor das aptitudes do cabalo de pura raza galega en actividades deportivas, de exposición e ocio, co obxecto de dar a coñecer ao público as características e calidades identificativas da raza, mostrando o temperamento afectivo dos seus exemplares, abrindo novas vías de comercialización e estimulando o interese pola raza entre o público en xeral, coa consecuente incidencia a nivel económico e social. Este programa estaba encadrado na medida 214.2 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008.

Este tipo de actuacións volven a estar recollidas especificamente no novo Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que pretende fomentar o emprego dos recursos xenéticos autóctonos, e coa sinatura deste novo convenio preténdese dar un paso máis nesta liña de traballo, seguindo os obxectivos previstos no PDR 2014-2020 na conservación dos recursos xenéticos gandeiros que persegue a posta en valor de todas as orientacións produtivas da raza.

Polo tanto, asumindo que a promoción de programas de conservación e fomento dos recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia reúne as condicións aludidas na lei e o regulamento de subvencións, enténdese a procedencia da sinatura dun novo Convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e APRCG para establecer as condicións da colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego para continuar coa execución das actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes do Cabalo P.R.G en actividades deportivas, de exposición e ocio, dentro do PDR de Galicia 2014-2020. COFINANCIADO CO FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER), NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014_2020

A asociación pura raza cabalo galego levará a cabo as actividades que se agrupan en tres bloques:

-  Mantemento dun programa de doma para a posta en valor dos cabalos de pura raza galega.

- Actividades de promoción da raza a través da presentación dun espectáculo de doma a desenvolver nas catro provincias galegas con presenza en competicións deportivas, festas de interés turístico, eventos ecuestres, desfiles e/ou representacións.

- Actividades de promoción e difusión da raza nas instalacións do Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia (CREAG), aberto a colectivos relacionados co sector equino e visita polas instalacións do centro.