COLABORADORES

xunta de galicia

CONVENIO ENTRE A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E A ASOCIACIÓN PURA RAZA CABALO GALEGO (APRG) PARA CONTINUAR COA EXECUCIÓN DAS ACTUACIÓNS DESTINADAS Á POSTA EN VALOR DAS APTITUDES DO CABALO DE PURA RAZA GALEGO P.R.G. EN ACTIVIDADES DEPORTIVAS, DE EXPOSICIÓN E OCIO, COFINANCIADO CO FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER), NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014_2020.

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego é unha asociación profesional, sen ánimo de lucro, constituída no ano 1997, con ámbito de actuación nacional e que dende hai anos mantén unha colaboración directa coa consellería do medio rural da Xunta de Galicia en actividades vinculadas coa recuperación, fomento e difusión dos cabalos de pura raza galega.

As accións en materia de conservación de recursos zooxenéticos planifícanse consonte as disposicións do Regulamento (CE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER, artigo 28. Agroambiente e Clima), e xestiónanse de conformidade co Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade. Están recollidas na submedida 10.2: conservación de recursos xenéticos na agricultura, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020, aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021.

Os beneficiarios últimos das actuacións financiadas con este convenio son os gandeiros das razas obxecto do mesmo.

Galicia conta cunha grande diversidade de recursos xenéticos gandeiros autóctonos. Entre eles atópase o cabalo PRG, única raza equina autóctona de Galicia e que atópase en perigo de extinción.

Para a conservación dunha raza resulta primordial fomentar e difundir todas as posibles orientacións e utilidades produtivas da mesma.

Dende fai anos a administración colabora coa asociación co obxecto de dar a coñecer ao público as características e calidades identificadoras da raza, mostrando o temperamento afectivo dos seus exemplares, a súa boa aceptación nas distintas disciplinas hípicas, así como a predisposición natural destes animais á andadura galega tradicional.

Compre non deixar de lado esta orientación co obxecto de afianzar a raza, e seguir realizando actuacións para a posta en valor das aptitudes do cabalo de pura raza galega en actividades hípico deportivas e sociáis.

As actividades de recuperación e conservación desta raza en todas as súas orientacións produtivas van a permitir consolidar os resultados obtidos ata o de agora. É necesario seguir traballando na súa conservación, polo que procede asinar un convenio entre a Consellería do Medio Rural e APRG, para manter as tarefas de preparación da raza para a súa adaptación e participación en actividades deportivas, de exposición e ocio, difundir ao público as características e calidades identificadoras da raza, mostrando o temperamento afectivo dos seus exemplares e estimulando o interese pola raza entre o público en xeral, coa consecuente incidencia a nivel económico e social.

Este tipo de actuacións están recollidas especificamente no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que pretende fomentar o emprego dos recursos xenéticos autóctonos.

No ano 2016, encadrado na medida 10.21 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020, asinouse con APRG un convenio para continuar coa execución das actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes do Cabalo PRG en actividades deportivas, de exposición e ocio, dentro do PDR de Galicia 2014-2020. A renovación dos compromisos adquiridos supón unha continuidade temporal, imprescindible cando se traballa na de recuperación das razas autóctonas para o período 2020, 2021 e 2022.

O obxecto deste convenio é establecer as condicións para continuar coa execución das actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes do Cabalo PRG en actividades deportivas, de exposición e ocio, dentro do PDR de Galicia 2014-2020 por parte da Asociación Pura Raza Cabalo Galego (APRG), brindando a oportunidade aos comités organizadores dos diferentes eventos ecuestres de Galicia poder contar coa presentación da raza a través dun espectáculo de doma, desfiles ou dramatizacións representadas, competicións deportivas ou concursos morfolóxicos, así como a posibilidade de poder cursar visita guiada entre gandeiros e colectivos relacionados co sector equino ao Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia (CREAG) previa reserva por escrito e dispoñibilidade a: Asociación Pura Raza Cabalo Galego, secretaria@cabalogalego.com, Pazo de Quián, s/n. Sergude (Boqueixón) A Coruña. Tfno.- 629. 826. 728; 981. 511. 922, www.cabalogalego.com